Mañá luns 29 ás 19:30 darei unha charla no planetario da Casa das Ciencias sobre as eclipses de Sol no cinema, nunha actividade organizada conxuntamente pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a A. C. Alexandre Bóveda.
O 12 de agosto de 2026 Galicia, e moi especialmente A Coruña, vivirá un fito histórico: a única eclipse total de Sol en máis dun século. Será un evento astronómico de primeira magnitude que atraerá a miles de visitantes. Para celebrar a inminente entrada no ano da eclipse, propomos unha sesión na que repasaremos unha escolma de filmes onde a ocultación do Sol pola Lúa ten un papel protagonista. Durante esta sesión analizaremos como o cinema retratou este fenómeno, con exemplos tan grandiosos como o desafío técnico do clásico "Barrabás", onde se chegou a filmar unha eclipse real.
A entrada é libre até completar a capacidade do recinto. Recordade que a charla se celebra fóra do horario de apertura do museo, polo cal non será posíbel o acceso despois do inicio da actividade.