Este venres, 28 de novembro, ás 19:30, podedes ver no local da A. C. Alexandre Bóveda a terceira entrega do ciclo de cinema alemán que realizamos en colaboración co Instituto Goethe, "Cinco cartuchos".
O filme que lle deu fama e prestixio ao director Frank Beyer é un magnífico achegamento á Guerra Civil española feito na Alemaña do Leste. Cinco cartuchos narra a peripecia de cinco membros das brigadas internacionais que deben transportar unha importante mensaxe coa ameaza sempre presente do inimigo fascista e as duras condicións do territorio. Unha sorte de singular western bélico non moi afastado do espírito do mellor John Ford. Duración: 84 minutos.