Este venres 13 de marzo, ás 19:30 h, no local da A. C. Alexandre Bóveda organizamos unha nova sesión do Cineclub Bóveda coa terceira entrega do ciclo dedicado ao cineasta alemán Christian Petzold, que desenvolvemos en colaboración co Instituto Goethe. A sesión presenta un relato arredor dun refuxiado político na Segunda Guerra Mundial que ten a audacia de empregar unha ambientación contemporánea para tecer un elocuente paralelismo entre pasado e presente. Unha nova e fascinante relectura do melodrama clásico, con Casablanca como referente posíbel e un magnífico Franz Rogowski como protagonista.