Este luns 14 de agosto sae publicada no DOG a Orde de Presidencia de Xunta pola que se declara a Utilidade Pública ao Cineclube Padre Feijoo.
A Vicepresidencia segunda da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes completa favoreblemente a solicitude de declaración de Utilidade Pública feita polo Cineclube Padre Feijoo no pasado ano, logo do acordo de iniciala na sua asamblea de asociad@s.
O cineclube Padre Feijoo é unha entidade de máis de 50 anos, cunha histórica e forte implantación na cidade, que sempre basou o seu compromiso na difusión da cultura cinematográfica no traballo nétamente voluntario das suas directivas, e na colaboración horizontal co resto tecido asociativo e das administracións.
Nacer na Escola Normal de Maxisterio marcounos para sempre coa mesma intensidade que a convivencia de máis de 40 anos coa Biblioteca Pública: a acción voluntaria do cineclubismo, puro activismo comprometido na estrea de filmes que teñen difícil difusión na grella comercial, de obras mergulladas nas sombras do esquecemento ou mesmo de proxectos feitos na nosa contorna que tamén hai que apoiar e iluminar, coa enerxía que puido consolidar colaboracións coma os ciclos anuais feitos co Museo Etnolóxico de Ribadavia, co Colexio de Médicos, co OUFF ou co Amal, o Cinema de Verán, os Luns de Filmoteca do CGAI, as Primaveras Musicais e outras cooperacións puntuais e máis discretas pero igual de importantes na formación das vindeiras audiencias (coa Escola de Idiomas, con aulas de Primaria e con distintas asociacións da cidade).
Non hai dúbida de que na nosa cidade a Política e a Cultura viven tempos escuros, e de que sufrimos puro infortunio con cada goberno municipal, pero o noso camiño é visible: seguir dando luz a máis de cen filmes ao ano nesa nosa pantalla, pantalla amiga, dispoñible para tod@s no edificio que ten que seguir sendo a Casa da Cultura (e no que seguimos dende 1978), infraestrutura para cuxo fin cultural doou o terreo a Caixa de Aforros e como tal foi construída polo Ministerio de Cultura.