Prezada/o compañeira/o,
Primeiro, é obriga presentarme: son María José Enríquez García (MaJo), alumna do Programa de Doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio e membro do Laboratorio do Territorio (G.I. 1934 – LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, onde estou a desenvolver a miña tese de doutoramento “A mobilidade de dereitos de propiedade da terra en Galicia: unha aproximación cuantitativa e cualitativa á realidade”.
No marco da investigación desenvolveuse un formulario online co propósito de identificar e caracterizar, de xeito anónimo e a través do propio sector, os mecanismos polos cales as explotacións agrarias en Galicia xestionan e acceden á terra (en propiedade (herdanza e/ou compravenda), en arrendamento, integración de terras familiares, terras levadas...).
Conscientes, por unha banda, da importancia da terra nos modelos de produción responsables e dimensionados e, por outra, do alto valor engadido (económico, ambiental, social e comunitario) dos/as pequenos produtores, da pequena agricultura familiar e do autoconsumo no agro galego poñémonos en contacto cos grupos de consumidores para que o formulario chegue a este tipo de iniciativas produtivas e poder dar visibilidade a esa realidade (cuantitativa e cualitativamente).
Así, poñémonos en contacto convosco pregando a vosa colaboración para:
- A difusión do enlace do formulario (http://mobilidadeterras.usc.es/) entre as produtoras/es cos que traballe o grupo animando, na medida do posible, á súa participación.
- Consciente das limitacións e para acadar unha participación mínima deste sector, agradeceríamos un particular esforzo dirixido para tratar de implicar aquelas 4-5 iniciativas que considere máis proclives á participación.
- Ademais, adxuntamos no presente correo un cartel cunha parte inferior recortable por se pode ser de utilidade como semente de difusión física, ben nun taboleiro ou de xeito directo.
O cuestionario é ANÓNIMO e estará aberto ata comezos de maio.
En contraprestación non podemos máis ca, no plano transformador, pretender que a diagnose visibilice o moito ou pouco dinamismo e complexidade do agro galego no tocante á variedade de acordos de xestión de terras polos cales polos cales os produtores acceden á terra. E tamén, visibilizar a integración de terras familiares e dos arranxos de marcado carácter social como potencial da idiosincrasia produtiva galega. No plano práctico, o compromiso é remitir os resultados do traballo pola presente vía (e tamén na páxina web vinculada) para sometelos, precisamente, a ese debate coas organizacións de base.
Consciente do esforzo que estou a pedir, agradecida de antemán pola colaboración e confiando que a pregunta de investigación sexa de interese para algúns de vos, quedo á súa disposición para calquera cuestión no presente enderezo de correo: mobilida...@gmail.com.
Enlace ó formulario: http://mobilidadeterras.usc.es/