A directiva de ANABAD – Galicia reuniuse co Conselleiro de Cultura e Turismo, co Director Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas e co Subdirector de Bibliotecas onte, día 31 de maio de 2011, e expúxolle os problemas que entendemos sofren as bibliotecas públicas e os arquivos de Galicia, solicitándolle ademais que a administracións se implique en aportar solucións. En resumen, indicáronselle os seguintes asuntos:
En materia de Arquivos:
1.- Que é preciso e conveniente que os arquiveiros estean presentes nos procesos de toma de decisións no referido á e-administración, como profesionais que dominan as técnicas de organización de documentos, custodia de fondos e recuperación de información.
2.- Que precisamos xa unha lei de arquivos de Galicia e que saia adiante o Decreto para a creación da Comisión Cualificadora de documentos administrativos, como ferramentas para a estruturación e asentamento de redes e sistemas arquivísticos.
3.- Que os Arquivos da Xunta de Galicia, tanto os propios como os de titularidade estatal, sofren na actualidade un moi grave problema de espazo que lles impide cumprir coas súas funcións básicas: recoller, custodiar e servir os documentos producidos polas administracións públicas, ao que hai que poñer remedio de xeito inmediato, para evitar os riscos derivados do descontrol dos documentos administrativos, e a conseguinte merma do patrimonio documental.
4.- No caso da administración local, informóuselle da case inexistencia de arquivos dotados de profesionais á súa fronte, e da falta de iniciativa para dotalos nos concellos que os poidan asumir ou explorar outras vías, como acumular a un profesional varios arquivos municipais de pequenos concellos; indicóuselle ademais que este ano, a Consellería non convocou as bolsas para a organización de arquivos municipais.
En materia de bibliotecas:
1. Manifestouse o malestar da asociación por a situación do persoal nas bibliotecas públicas e polos recortes orzamentarios aos que nos referíamos no comunicado público que fixo ANABAD o 19 de abril, e que podemos resumir en:
· Redución dos orzamentos para adquisición de fondos nas bibliotecas nodais e eliminación absoluta destes nas bibliotecas municipais.
· Redución dun 56,4% no programa de Letras Vivas
· Anulación total do programa de formación para os profesionais bibliotecarios da rede de bibliotecas da Xunta.
· Necesidade de racionalizar os cadros de persoal nas bibliotecas públicas; nas bibliotecas nodais reducindo as prazas administrativas para crear prazas de auxiliar técnico de bibliotecas e, fundamentalmente, de técnicos bibliotecarios e en relación as bibliotecas municipais é necesario promover a regulación e a estabilidade dos profesionais que traballan nelas.
· Manifestar a preocupación polas diferenzas tan grandes de orzamento entre as distintas bibliotecas da rede: bibliotecas nodais, bibliotecas municipais, biblioteca de Galicia, ….
· Necesidade de convocar o Consello do libro
A resposta da Consellería foi que a redución dos orzamentos nun 38,3 por parte do Ministerio do programa de cofinanzamento obrigou a cancelar a compra descentralizada destinadas as bibliotecas municipais pero que estas recibirían o libro galego que este ano comprouse cos fondos do programa de cofinaciamento; é dicir que se utilizou a partida de adquisición de fondos nas bibliotecas para cumprir o compromiso da Xunta de apoio ao libro galego como sector estratéxico. Ante isto a resposta de ANABAD foi que non nos opoñemos a este apoio pero si a que utilicen a partida de adquisición de fondos para as bibliotecas públicas para este fin, porque consideramos que unha das funcións dos bibliotecarios é a selección de fondos que debe de facerse en función da comunidade á que serve. En relación ao programa de formación, adiantaron que a final de ano vanse estinar 30.000 euros para facer cursos en liña. Segundo indicaron o Consello do Libro será convocado en xuño.
2. Necesidade de avaliar os servizos e as actividades culturais, non só bibliotecarias, porque entendemos que en moitas ocasións rebáixanse os orzamentos das bibliotecas en beneficio doutras actividades culturais que nada ten que ver coas bibliotecas o que teñen pouca resposta por parte do público e porque en época de crise e moi importante racionalizar as actuacións e para elo requírese información obxectiva.
3. Necesidade de retomar os grupos de traballo que estaban funcionando na lexislatura anterior pois son necesarios tanto para consensuar e desenvolver temas técnicos como para que os profesionais se coñezan posto que o consenso e a unificación de determinados temas, así como os contactos personais son o primeiro paso para as formar redes
4. Pregúntase polas leis de arquivos e bibliotecas. Neste caso comunícanos que están pendentes dos informes da Asesoría Xurídica
Durante toda a reunión estableceuse un diálogo conceptual nun ambiente relaxado e moi cordial no que os tres dirixentes da Consellería manifestaron a súa vontade de buscar solucións aos problemas formulados.
Finalmente o Conselleiro propón que a Asociación traballe conxuntamente coa Subdirección de Bibliotecas nunha folla de ruta, é dicir en concretar as actuacións prioritarias a facer nas bibliotecas nos próximos anos, sempre e cando non supoñan incremento dos orzamentos actuais, co obxecto de presentar no Consello do Libro próximo e acadar o apoio necesario e o consenso cos outros sectores sobre estas premisas. ANABAD asume a proposta e reitera a súa vontade de cooperar mediante o diálogo na construción do Sistema Bibliotecario galego.
DIRECTIVA DE ANABAD-GALICIA
A Coruña, 1 de xuño de 2011