Ola compañeiras/os,
Como xa vos adiantaba no anterior correo informativo que vos enviei sobre a mesma cuestión, onte á tarde tivo lugar en Santiago de Compostela unha reunión aberta a todo tipo de organizacións e colectivos do ámbito do ensino en Galiza para, dunha parte, analizar unha postura conxunta a respecto da “consulta” ás familias con fillas/os en idade escolar posta en andamento polo goberno do PP na Xunta e, por outra, tentar chegar a un acordo sobre iniciativas unitarias a adoptar, dirixidas ás comunidades escolares e mais á sociedade galega no seu conxunto.
Á xuntanza acudiron representantes de diferentes organizacións e colectivos do ensino: CIG-Ensino, AS-PG, STEG, Nova Escola Galega, Comités, A Mesa, Mocidade pola Normalización Lingüística, Coordenadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, FEREGA (centros católicos concertados), FETE-UXT, as coordenadoras comarcais de ENL de Compostela e Ferrolterra, CCOO, ANPE, CSIF, a Federación de ANPAS de centros públicos da comarca de Compostela, representantes das áreas ou servizos de normalización das universidades de Vigo e A Coruña, FSIE (Federación Sindical Independente, dos centros privados) e mais a Asociación de directores e equipos directivos de centros de ensino secundario de Galiza. Non puideron asistir, mais pediron seren informados dos acordos, a CONFAPA e mais Nais e Pais polo Ensino en Galego.
Aínda que non en todos os casos se concordaba na necesidade de adoptar iniciativas unitarias concretas, para alén do que fose un posicionamento público criticando o modelo escollido pola Consellaría de Educación e achegalo ás comunidades escolares, deuse consensuado un escrito, ao que a Permanente da Mesa xa confirmou o seu apoio, para expresar o disentir das diferentes organizacións e colectivos do ensino a respecto da pseudoconsulta que Educación pon en andamento esta semana, co envío dos sobres cos diferentes modelos de cuestionarios aos centros de ensino.
Porén, o acordo non foi unánime no que respecta á proposta de incluír no escrito que se difunda na comunidade educativa unhas orientacións ou indicacións concretas, especialmente no referido ao apartado de “comentarios” ou “suxestións” que vai incluído ao final de cada cuestionario. Varias das organizacións entendían que non fai sentido dar ningunha orientación concreta e que cada familia opte pola que considerar oportuna. Con todo, varias das organizacións presentes seguimos a considerar necesario incluír esas orientacións, polo que o acordo tomado é que as difundamos pola nosa conta. Para alén diso, xa están postas en andamento outras iniciativas, como a difusión masiva nos centros dun díptico da Coordenadora Galega de ENDL especialmente dirixido a lle transmitir ás familias a importancia cualitativa dunha plena competencia en galego.
Achégovos, en tal caso, o texto consensuado entre as diferentes organizacións, a falta de saber se todas as presentes onte o van subscribir. Polo que a maioría delas levan manifestado ao longo desta mañá, asinaríase en conxunto un texto que recolle os tres primeiros puntos, no entanto os outros dous non suscitaron o acordo de todos os colectivos; si o da Mesa.
Como o acordo inclúe que o texto sexa dado a coñecer á sociedade de xeito unitario, pedímosvos que polo de agora non o deades a coñecer, fóra do ámbito estritamente interno da Mesa, até que recibades a confirmación definitiva (unha vez que fique clara a metodoloxía de difusión e cales son exactamente as entidades que subscriben).
Unha aperta,
Fran