Boas rapazas/zes!!!
Que tal?
Perdoade que non contestase antes, mais isto de ter uns días de ferias e non ter internet na casa afástanme do mundo que non vexades...
Brais, intento responderche até onde eu controlo:
Do tema do "L" había nestes momentos tres procesos xudiciais distintos abertos; un contencioso-administrativo (que xa vén de 1994 e do que se derivaron todas as sentenzas coñecidas gañas pola Mesa ao Concello, incluída a do Supremo e a non admisión a trámite de recurso polo Constitucional) que segue o seu curso polo momento toda vez que o(s) Alcalde(s) decidiron até o momento recorreren sempre e prolongalo até o imposíbel. Polo momento, non hai nada "oficial" sobre se van retirarse ou non, polo que evidentemente A Mesa tampouco se vai retirar, que pode ser se cadra o que o PSOE pretenda.
Por outra parte, había dous procesos por xuízos de faltas relacionados co tema: o aberto contra min, Xosé Manuel Carril e Pilar García Negro, que se resolveu hai pouquiño en libre absolución para nós os tres; e o que aínda fica aberto por quitar o L da Avenida a Macías, Breixo, Adelaida, Iria Vilar e Dani Cao: os dous últimos van por outro lado e os tres primeiros están á espera da vista, mais xa saben o que se lles pide e xa están a traballar co tema. A ver como se resolve todo ao final!
Logo nada, co tema da normalización do topónimo oficial a cousa vai en xeral moi amodo: as concellarías nacionalistas están a usar exclusivamente no seu logotipo a forma "Concello da Coruña", mentres o Concello en xeral e as concellarías socialistas usan a forma nas dúas linguas, se ben como xa respondeu Serxio está comezando a usarse a forma "Ayuntamiento de A Coruña" por vez primeira, como xa se viu na cartelaría das festas.
O tema da rotulación e sinaléctica vaise facer, polo que parece, mais seguramente vai ser un proceso longo por todo o que hai que modificar: a Concellaría de Normalización (que nunca antes existira na Coruña) ten pedida unha subvención á Xunta (porque carece de orzamento até que se aproben as novas contas de 2008) para modificar o rueiro da cidade e para crear o propio Servizo de Normalización, que nin tan sequera existe (nin ten persoal, claro). Por outra parte, a Concellaría de Cultura xa anunciou que quere priorizar a galeguización dos Museos Científicos que dependen dela.
Co tema do L do xardín da Avenida, que sería un dos cambios simbólicos máis importantes, xa temos falado "extraoficialmente" desde A Mesa con membros do goberno municipal: parece ser que o PSOE aí quere alongar todo o que poida a súa permanencia aducindo burocratadas varias e vai estar difícil. Nós xa advertimos de que a paciencia ten límites e que podemos dar un prazo, mais que evidentemente iso vai ter que quitarse de aí en función do mesmo Pacto de Goberno, e que se non o quitan eles antes ou despois terémolo que facer nós.
Hai un par de semanas alguén volveu arrincar o L e estivo uns días sen el, mais logo repuxérono, o cal non deixa de ser un mal presaxio...
Bon, Brais, espero que o "rollo" todo este che aclarase algo como vai a movida e non che enlease aínda máis. Unha forte aperta e vémonos axiña!
Fran
ps.: Apertas, Serj! (E para todas as/os que lean esta mensaxe);-)
Date: Mon, 27 Aug 2007 11:14:57 +0200
From: brais...@gmail.com
To: amesa_a...@googlegroups.com
Subject: [A Mesa A Coruña:29] Re: o tema do "L"