Ola compañeiras/os,
Tendes que desculpar que non puidese facervos chegar antes os acordos que tomamos na xuntanza da Mesa da zona da Coruña que tivemos o pasado día 1 de abril, a primeira que tivemos en bastante tempo, co obxectivo de reactivarmos no posíbel o traballo da organización no ámbito da nosa cidade e comarca. Permitídeme que o faga agora co ánimo de que non sexa demasiado tarde.
Para comezar,
acordamos convocar unha nova xuntanza para este vindeiro martes 15 de abril ás 20h: xa vos comento que non vai poder ser en Alexandre Bóveda (por non estar o local dispoñíbel nese horario),
así que vos propoño que nos xuntemos ben perto de alí:
no Café Marfil (na Rúa do Arco, a carón da praza da Fonte de Santo André). Para quen non se ubique ben, está xusto ao lado da xoguetaría Imaginarium, ao final da Rúa dos Olmos.
Na reunión do pasado 1 de abril marcámonos como obxectivo convocarmos formalmente a todas as socias e socios da zona aproveitándomos un envío de Longalingua para aforrar custos, porén non foi posíbel facelo (o Longalingua correspondente a marzo aínda non se mandou e a carta non chegaría a tempo). Propoño, por tanto, que a reunión xeral con todas as socias e socios sexa un pouco máis adiante e que, mentres, nos vaiamos xuntando os que habitualmente recibimos as convocatorias por vía electrónica. Máis que nada, para non perdermos outra vez o ritmo de xuntanzas.
O traballo prioritario que marcamos na zona de cara aos próximos meses centraríase na
organización dun acto propio da Mesa na Coruña previo á manifestación nacional do 18 de maio: propúxose como data
o 16 de maio (un venres) á tarde e que sexa un
acto en apoio á proposta de Ordenanza Municipal de Usos do Galego que tenciona aprobar a Concellaría de NL do Concello da Coruña e que tantos ataques leva xa recibido desde diferentes sectores.
Alén diso, pensouse que ese acto público sexa a culminación a un
traballo previo de recolla de incumprimentos da legalidade lingüística (sinaladamente, de exclusión do galego)
por parte das diferentes administracións públicas na nosa cidade, especialmente o Concello da Coruña. Falouse de optarmos pola vía da
fotodenuncia e presentarmos publicamente os resultados nese acto do 16, reforzando así a idea da necesidade dunha ordenanza de normalización de usos do galego frente a aqueles que din que non é necesaria e frente aos que agora amosan preocupación pola perda de "bilingüismo" nalgunhas áreas do goberno local.
Por último, lémbrovos (ou comunícovos para as/os que non saibades) que
este venres 11 de abril ten lugar na Coruña a estrea de Pradolongo, filme galego rodado integramente en galego que dirixe o valdeorrán Ignacio Vilar. O filme
proxectarase nas salas Filmax (Centro Comercial do Porto) da Coruña. A chegada do traballo vén precedido dun enorme éxito de crítica e público nos lugares en que xa se estreou. Acudirmos a velo supón tamén un acto de compromiso co noso cinema e co noso idioma; eses elementos que as máis das veces tan pouco teñen a ver o un co outro.
Sen máis polo de agora, recibide unha cordial aperta e botade a lingua de fóra!!!
~Fran
Tecnología, moda, motor, viajes,.suscríbete a nuestros boletines para estar siempre a la última
MSN Newsletters